venres, 4 de marzo de 2016

ENÓRMIC BANDA. UN POUCO DE HISTORIA

A revista de banda deseñada Enórmic Banda naceu no curso 95-96 a partir dunha iniciativa da Coordinadora do Salnés. A idea era promover a elaboración de traballos gráficos, viñetas e historietas de cómic deseñados polo alumnado dos Institutos da comarca. A publicación sería conxunta e distribuiríase entre os centros interesados no proxecto, independentemente de que presentaran proxectos ou non. A condición era sufragar a parte correspondente dos gastos. Precisamente o motivo económico foi un dos que motivou a posta en marcha do proxecto, debido ao aforro de custos que supuña. Foi polo tanto, desde os seus inicios un proxecto colaborativo, que pretendía, ademais, conectar ás comunidades educativas de toda a comarca a través da creación gráfica. 


Todos os traballos publicados foron realizados por alumnos e alumnas dos centros da comarca, aínda que para a portada e contraportada se pensou desde un inicio en solicitar a colaboración dalgún artista plástico vinculado á bisbarra. Ao mesmo tempo, incluíuse tamén un limiar dalgún escritor ou escritora vinculada ao Salnés.

A seguir enuméranse os artistas convidados e convidadas en cada unha das edicións:

 PRIMEIRA ÉPOCA


 nº 1 (1996) Portada/Contra: Saúl Otero Limiar: Domingo Tabuyo 

 nº 2 (1997) Portada/contra: Lois Magariños Limiar: Manuel Seixas 

 nº3 (1998) Portada/contra: Manolo Busto Limiar: Ramón Caride 

 nº4 (1999) Portada/contra: Gogue Limiar: Ana Santorum 

 nº5 (2000) Portada/contra: Marcela Santorun Limiar: Emilio Xosé Insua


 SEGUNDA ÉPOCA

 nº6 (2005) Portada/contra: Xaquín Chaves Limiar: Anxos Sumai 

 nº7 (2006) Portada/contra: Xulio Gayoso Limiar: Augusto Chaves

 nº8 (2007) Portada/contra: Eduardo Baamonde Limiar: Eva Mejuto

 nº9 (2008) Portada/contra: Fernando Arenaz Limiar: Agustín Agra 

 nº10 (2009) Portada/contra: Ramón Díaz (camisetas caramuxo) Limiar: Marcos Calveiro 

 nº 11 (2010) Portada/contra: Enrique Conde/ J. M. Fernández Dapena Limiar: Susana Sánchez Aríns

 nº 12 (2011) Portada/contra: Uxío López Limiar: Manuel Portas 

 nº 13 (2012) Portada/contra: Antón Romero Limiar: Ramón Neto 

 nº 14 (2013) Portada/contra: Héctor Quintela Limiar: Luís Rei 

 nº 15 (2014) Portada/contra: Emérita Méndez Limiar: Francisco Fernández Rei 

 nº 16 (2015) Portada/contra: Miguel Pérez Limiar: Sabela Muñiz 


A revista tivo unha primeira época, do curso 95-96 ao 99-2000, moi frutífera nas primeiras edicións, pero o descenso no número de traballos e a falta de interese do alumnado, mesmo para a súa lectura, fixo que se deixase o proxecto aparcado por un tempo. 

No curso 2004-2005, despois de detectar un primeiro espertar no cómic galego (xeración Golfiño), volveuse propoñer ao alumnado a elaboración da revista. Mellorouse a edición, coa inclusión de páxinas en cor e o proxecto volveu tomar corpo e continuou a medra até hoxe, fortemente consolidado. 

No transcurso da súa historia, máis cincocentos cincuenta rapaces e rapazas viron publicados os seus traballos no Enórmic Banda. Máis de trescentos cincuenta traballos, de todos os formatos e estilos da banda deseñada. Temas variadísimos inspirados na realidade, na literatura, na imaxinación desbordante... Mesmo algún deses incipientes creadores están hoxe consolidados e traballando en ámbitos profesionais relacionados coa ilustración, a banda deseñada ou o deseño gráfico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario